domingo, 21 de febreiro de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

Cada ano, a UNESCO escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. En 2021, o tema é “Fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade”.

mércores, 10 de febreiro de 2021

Entroidos galegos IV

 MÁZCARAS (Manzaneda)

Se nos achegamos a Manzaneda no Entroido podemos ver bailar as mázcaras ao ritmo do folión. Mirade que ben o fan!


 MADAMAS E GALÁNS (Vilaboa) 

As madamas e galáns engalanados con coloridos traxes percorren as parroquias de Santa Cristina e San Adrián de Cobres bailando xotas, muiñeiras...


 OSO (Salcedo)

No concello da Pobra do Brollón, na parroquia de Salcedo podedes ver esta personaxe. É un oso vestido con peles que vai en compañía dos seus "criados". Percorre as rúas asustando á xente e intentando mancharlles a cara coas poutas cheas de feluxe. 


 

 

ENTROIDOS GALEGOS III

  Os boteiros Son as personaxes do Entroido de Vilariño de Conso e Viana do Bolo. Fixádevos nas fotos, os traxes son diferentes. Ámbolos dous corren e saltan facendo soar as súas chocas. Van acompañados polo folión. No folión soan bombos, gadañas...

 BOTEIROS (Vilariño de Conso)


BOTEIROS (Viana do Bolo)


En Fornelos de Filloás (Viana) tamén acompaña o folión unha personaxe chamada Patumada.


Mirade como corre para pillar á xente!



 

domingo, 7 de febreiro de 2021

CANTO SABES DO ENTROIDO?

 E ti, canto sabes do Entroido?

 

Serás quen de resolver este pasapalabra que atopamos na páxina de aulas galegas  

Pincha neste enlace 

ENTROIDOS GALEGOS II

 Viaxamos agora á provincia de Ourense para achegarnos ao coñecido como "Triángulo Máxico do Entroido", as celebracións en tres concellos moi próximos, Xinzo, Verín e Laza.

AS PANTALLAS (Xinzo)

No Entroido as pantallas enchen as rúas de Xinzo. Levan nas mans vexigas secas e inchadas de vacas e ao son das súas cam`paíñas corren e saltan.

Mirade, mirade... 


 OS CIGARRÓNS (Verín)

Os cigarróns levan a cara cuberta por unha carauta de madeira que amosa un sorriso pícaro e na cima leva a imaxe dalgún animal. O traxe está composto por unha camisa branca, chaquetiña, faixa, medias de encaixe... Arredor da cintura leva 6 chocas pesadas e na man unha zamarra..

Mirade cantos se xuntan no Domingo Corredoiro en Verín!


PELIQUEIROS (Laza) 

O nome de peliqueiro vén de "pelica" que dá nome á pel do animal que levan na parte de atrás da carauta.. A indumentaria dos peliqueiros é semellante á dos cigarróns. Os peliqueiros percorren as rúas de Laza xuntándose na praza da Picota. Aquí podedes velos en plena acción!



 

 

ENTROIDOS GALEGOS I

E xa está aquí unha das festas máis esperadas do ano, O Entroido, Antroido ou Entruido. Aínda que este ano non celebraremos o Entroido coma outras veces, manterémolo vivo no recordo. E comezamos recordando algunhas das personaxes dos entroidos da Galiza.

 OS XENERAIS DA ULLA 

Personaxe que aparece nalgúns concellos como Santiago, Teo, A Estrada, Silleda... Os xenerais van a cabalo, e acompañados dos correos, as comparsas... percorren as aldeas votando os vivas de casa en casa e escenificando os altos e os atranques. Neste vídeo podedes velos ...

 

OS VOLANTES (CHANTADA)

Na parroquia de Santiago de Arriba os volantes ataviados cos seus traxes de raias amarelas e vermellas e ao son das campaíñas que levan arredor da cintura, percorren a aldea ao son das gaitas. Dise que van cruzando polas hortas para fertilizar os cultivos. Algún volante leva un pucho, decorado na cabeza con cintas de cores, flores e bonecas. Dá gusto velos dar voltas! Os volantes van acompañados polos maragatos ou peliqueiros que van vestidos con cornos e pelexos de animais. Son os encargados de protexer aos volantes. Podedes velos nese vídeo...



martes, 2 de febreiro de 2021

CANDELORIA

Hoxe, 2 de Febreiro, é o Día da Candeloria, día no que se namoran os paxaros. Esta celebración representa o renacer da natureza pola proximidade da primavera.

Son moitos os ditos e refráns que aluden a esta celebración:

"Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra;

que chore, que deixe chorar, metade do inverno está por pasar". 

"Cando a Candeloria chora a metade do inverno está fóra;

se chora ou ri o inverno está por vir e se chora ou fai vento,

aínda o inverno está dentro".

 palomas, pareja, amor, pájaros, juntos, beso, encaramado, pájaro,  vertebrado, animales en la naturaleza | Pxfuel